A dous días vista

OPINIÓN

Escribo dous días antes das eleccións. A lóxica, na política e nas eleccións, non sempre se realiza. Pero haina. O difícil é dar con ela. Polo tanto, este meu exercicio de hoxe non é de lóxica, senón máis ben un tecido de sospeitas que ao día de hoxe xa non teñen sentido.

Sospeito que poden ocorrer varias cousas, menos que todo siga igual. Non parece que iso vaia suceder. O partido que goberna seguirá sendo o máis votado -profecía que está tirada-, pero tamén pode ocorrer que non o suficiente para chegar á maioría absoluta. Cabe, pois, que teñamos coalición de esquerdas sempre que o PSOE non se afunda e se converta en marxinal.

Sospeito que Xosé M. Beiras pode ser o gran triunfador destas eleccións, aínda que non chegue a formar coalición de goberno. Sen ofender a ninguén, ten demostrado ser o candidato mellor preparado para gobernarnos, e a moita distancia de todos os demais; porque a masiva e afervoada asistencia aos seus mitins está a dicirnos que ten iso que se chama tirón; porque, paréceme, a xente se decata da súa honestidade; porque non fará nunca o ridículo sendo lacaio dos que só se lembran deste país cando hai eleccións.

Claro que todos eses feitos tan positivos poden ceder, infelizmente, por circunstancias tales como carecer dun verdadeiro aparato de partido, por transmitir unha mensaxe ás veces sen moito sosego, por certas alianzas que poidan non parecer a moitos as máis idóneas, e pode que algunhas outras non previstas.

Pero penso que se pode adiantar, sen moito medo a errar, que, como noutras partes, van saír reforzadas as opcións nacionalistas. Só quedará por ver en que medida e se iso poderá supoñer gobernar doutra maneira, aínda que gañen os que están. Con todo xa decidido, só queda confiar que sexa polo ben do país.