Querido futuro presidente, sexas quen sexas: non son os mellores tempos, abofé. Se algunha vez as houbo, ónde van as vacas gordas. Pero nos pides o voto e hoxe imos votar. Mesmo os que non votan van votar, que é unha maneira de posicionarse e mesmo de construír o que resulte. A sociedade somos todos, e esta é a primeira reflexión que quixera facer.
Ben sei que nas promesas e nos discursos estas cousas tamén se din, pero logo, cando vén a hora da práctica, a máquina funciona como funciona: amigos, inimigos, pactos non asinados, poderes que están detrás e dos que ninguén fala? ¿Tan difícil é a transparencia? Seica si, porque compromete. Escribo estas liñas sen saber de que color vai ser o cartel que saia esta noite. Tanto ten. Estamos nun tempo onde a cidadanía, cada vez máis castigada, pide principios éticos, actitudes morais, respecto á dignidade democrática e respecto á dignidade das persoas. As mentiras, ou o que aínda é peor: as medias verdades atentan contra a dignidade das persoas, por máis que se disimulen no discurso.
Nunca a sociedade aturou tanto e, ao mesmo tempo, nunca foi tan comprensiva. Ás veces esaxeradamente comprensiva, ata o punto de confundir mesura con resignación. A nosa xente nova está sen horizonte. ¿Canto tempo cres que podemos sostela nestas condicións? Os nosos recursos minguan e nestes momentos carecemos (fomos privados) da ferramenta básica para calquera deseño de futuro: a capacidade dun país para dispoñer de recursos financeiros propios. ¿A quen pedimos responsabilidades? ¿Quen nos estafou? Falo das preferentes, que comprometeron a tantas familias, e máis falo do expolio a que se veu sometido este país (as nosas institucións financeiras) por parte da gran máquina dos intereses alleos. Non lle botemos culpa aos de fóra. O que temos témolo en gran medida pola nosa propia incuria e co noso consentemento. ¿Onde tributan as primeiras fortunas deste país? ¿Por qué ninguén fala e lle pón nomes e apelidos a esta derrega, igual de preocupante que a derrega desa xente nova que estamos a deixar marchar sen que ninguén lle intente poñer remedio? ¿Cómo imos soster o edificio se o edificio está cada vez máis enfraquecido e os que poderían nutrilo ollan para outro lado? Temos algunhas das primeiras fortunas de España entre nós. ¿Que están a facer?
Non sei se é posible un gran pacto histórico para saír adiante. Seguramente non. Seguramente cómpre ter activas segundas e terceiras alternativas. Conforme. Pero hai espazos que cómpre consensuar, negociar, mesmo pactar, respectando as partes. A apisoadora legal, en caso de que puideses utilizala, non é o mellor consello para soster un edificio que precisa de todos e que cambalea. Necesitamos un proxecto común, que non é unha simple libreta de contas. Alguén ten que lle dicir a este país (Galicia) onde quere ir, no concerto dos países irmáns e no marco (difícil) da Unión Europea, ese soño que arestora semella a máis grande das desilusións. Precisamos dunha luciña de esperanza.