N o meu barrio hai un pobre do que xa algunha vez lles falei. Hai anos que durme no portal dun banco e vive durante o día noutro banco da rúa. É o seu territorio, onde recibe aos sen teito que lle veñen facer visitas. Un día dende a terraza dun bar un rapaz novo invitouno a tomar unha cervexa, sentado á mesa con el. O pobre fíxolle xestos de que fose bebela con el no seu banco.
Unha destas noites saín a andar porque din que é bo para os osos, e ía renegando dos anos, dos recortes, da prima de risco, da posible venda do derradeiro banco galego, en fin, de todo iso que a unha se lle ven á cabeza cando deixas de traballar moito por poucos cartos. Sentado á porta do banco onde durme, estaba o pobre cun dos seus contertulios, un rapaz novo, cariacontecido e con aspecto estranxeiro. O noso pobre, sorrindo, dicíalle: «Pero ¿a que vives mellor aquí que no teu país?». E o rapaz respondeu: «Pois si».
Era unha noite cálida, con vento do sur, e acordeime dos versos de Calderón de la Barca: «Cuentan de un sabio que un día / tan pobre y mísero estaba, / que solo se sustentaba de unas hierbas que cogía./ ¿Habrá otro, entre sí decía, / más pobre y triste que yo?; / y cuando el rostro volvió / halló la respuesta, viendo / que otro sabio iba cogiendo / las hierbas que él arrojó...». E marchei para a casa a cear, máis tranquila, as miñas herbas.