Igualdade: do dito aos feitos

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

17 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Na actividade política, coma na vida en xeral, non é estraño observar a existencia dun longo treito entre o dito e os feitos. Poucos exemplos mellores deste alonxamento que o que se produce estes días de campaña electoral en relación cun dos principios de ordenación da sociedade democrática, o principio de igualdade. Porque lonxe do carácter antisocial co que a esquerda quere caricaturizar a tradición política liberal, conservadora e democristiá, esta sempre arelou avanzar cara a unha sociedade máis libre, pero tamén máis equitativa na procura da xustiza social. Quen queira comprobalo non ten máis que lembrar que o primeiro Estado que puxo en marcha un sistema xeral de protección social foi a Alemaña do moi conservador Bismarck; ou recordar os consensos europeos da posguerra mundial entre os partidos conservadores e os democratacristiáns co laborismo e a socialdemocracia continental. Un consenso que se estendeu á España da transición nese gran pacto político que foi a Constitución, posibilitada pola incorporación dun gran pacto social: o pacto da redistribución persoal da renda e da riqueza, e tamén da redistribución territorial.

Sen poñer en dúbida as intencións de socialistas e nacionalistas galegos na procura da igualdade (como á inversa, eles prexuizosamente fan), Eurostat acaba de demostrar que, efectivamente, o treito entre o dito e o feito pode chegar a ser moi grande. Utilizando o coeficiente de Gini, o indicador técnico que mellor reflicte a desigualdade social (atribuíndolle 0 á igualdade absoluta e 100 á desigualdade total) resulta que na Europa dos 27 entre os anos 2005 e 2011 as desigualdades reducíronse, aínda que fose levemente (ao pasar o índice do 30,6 ao 30,5); mentres que en España, xusto neses mesmos anos, os anos de goberno socialista, a desigualdade sufriu un espectacular incremento, pasando do 30,7 no que o deixou o precedente Goberno popular (preto da media europea), ata un 34 ao remate do 2011.

É certo que dito incremento se debe en moi boa medida á suba do paro, o que a súa vez confirma a hipótese do nobel Amartya Sen de que a igualdade non só hai que medila en termos de renda (os parados en Europa perciben unha prestación) senón en termos de oportunidades (en Estados Unidos case non hai prestacións, en troques a redución do paro é obxectivo político fundamental de demócratas, republicanos e da Reserva Federal). Pero tamén é certo que foi durante a etapa socialista que se suprimiron impostos redistributivos como o do patrimonio (apresuradamente recuperado no 2011); e se rebaixaron outros que inciden na capacidade redistributiva do Estado, en especial o que grava as rendas das grandes empresas: xa no ano 2007 os técnicos de Facenda advertiron da caída da recadación que produciría a rebaixa no imposto sobre os beneficios das grandes sociedades do 35 % ao 30 %, combinada cunha morea de deducións (que o actual Goberno popular está a eliminar) que deixaba o tipo medio efectivamente pagado polas grandes empresas no 9,9 %, incluso antes da baixada do 2007.

Outros datos, xa a nivel autonómico, confirman que unha cousa e falar, e outra ben distinta dar trigo. De cada 100 euros gastados pola Xunta, o bipartito entre socialistas e nacionalistas dedicaba 69 a gasto social (educación, sanidade, servizos sociais). O Goberno popular dedica, actualmente, 76. O bipartito puxo en marcha 4.500 prazas nos servizos sociais (escolas infantís, residencias, centros de día, centros para discapacitados, etcétera), contando cuns orzamentos no entorno dos 11.000-12.000 millóns de euros. O Goberno de Feijoo, cuns orzamentos no entorno dos 9.500-8.500 millóns de euros, abriu 6.500. E así suma e segue.

É certo que a situación económica non permite avanzar todo o que sería desexable no ámbito da igualdade. Pero os datos de Eurostat e o balanzo comparado do gasto social nos últimos 8 anos demostran que o Estado de benestar só é viable sumando sostibilidade financeira e vontade política. E se albiscamos algunha ameaza (non baseada en prexuízos) sobre a sostibilidade do Estado de benestar é, precisamente, a ameaza da ruptura do pacto constitucional, ese mesmo que fai que a renda familiar bruta (antes de impostos e de transferencias) das familias galegas, que representa o 88 % da española, converxa ata o 94 % en termos de renda realmente dispoñible (a que teñen as familias despois de pagar os impostos e recibir as transferencias). Un pacto constitucional que os nacionalistas galegos tamén queren revisar en materia financeira, coa sorprendente compracencia dun líder socialista galego que, como deixou claro nos debates electorais, cando fala pon un bo treito de distancia ante os datos que se lle presentan: a mesma distancia que hai entre o que di e o que fixeron.