Os recortes e a fame

OPINIÓN

15 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A Cruz Vermella dinos que das 300.000 persoas que atendeu, o 82 por 100 está vivindo por debaixo da soleira da pobreza, entre os que a taxa de paro é do 64,86 por 100. E Cáritas informa de que a pobreza «nacionalizouse» e «xeneralizouse» e fíxose interclasista (xente que nunca pensou usar eses servizos hoxe faino para poder comer).

Ademais, a crise afecta a 2.267.000 nenos nacidos en España, resultando que hai hoxe 80.000 nenos malvivindo máis que en 2010, segundo nos di Unicef. Ademais, vénse rexistrando unha crecente actividade de empeños nos montes de piedade das caixas que aínda non foron exterminadas. E Unicef sinala tamén que hai 76.000 familias con nenos onde ningún adulto traballa, o que significa 46.000 máis que hai un ano.

Os nosos políticos parecen ocupados con cousas moito máis transcendentes, como o señor Wert, creando unha vez máis problemas onde non os hai, ou o que preside a Xunta de Galicia, que nestes días nos deu a impresión de que non vive neste país senón máis ben illado nalgunha parte da estratosfera á que os demais non temos acceso.

¿Oíronlle algunha vez ao señor Rajoy que tivese, non un plan, que ao parecer iso non é o seu, aínda que só fosen unhas palabras para esa situación que dá arrepío e que, ao menos, nos dixese que destinaría uns millóns de euros, restándollos aos banqueiros, a paliar tanta miseria, aínda que fose unha mentira máis das súas?

Todo isto, sendo moi grave, non é o peor: O peor é a tendencia ao empeoramento que resulta dos informes antes citados. ¿É posible ir aínda a peor? Pois parece que si, e iso se segue tamén do que a prensa estranxeira máis solvente vén sinalando nestes días como a «espiral de morte» (The Economist) na que os nosos gobernantes nos están metendo.