Dedos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Cinco dedos temos en cada man. Pero sen dúbida un deles acapara moito maior protagonismo e atención. O índice. O delator. O acusador. O ególatra. O provocador.

El é o que apunta cando di: Ti fixeches isto mal. Ti dixeches. Ti culpable. Ti provocaches o desastre.

É o mesmo que acena cara a un cando nos colgamos unha medalla: Eu son o mellor. Eu cumprín. Eu conseguín. Eu logrei fortuna e éxito.

Vexo estes dedos ata nas redes sociais. Enfrontamentos e leas a cara descuberta que cada vez implican a máis xente. Porque ti, acusa o índice, e comezan a chover os improperios e acusacións. Mentres eu, volve cara ao seu amo, que presume dos logros acadados.

Que canseira, por favor. Todos facemos cousas mal, e non nos martirizamos publicamente. Tamén os outros fan cousas boas, e ninguén llas andas pregoando, pois non interesa.

Cantos egos e egoísmos soltos por aí adiante. E envexa. Bota medo. Tratemos aos demais co que nos gustaría recibir deles. Foi así dende o inicio dos tempos. A ver cando nos damos conta de que deberiamos andar polo mundo adiante (e pola vida) coas mans (e máis que nada, os ollos) ben abertos. Éche coma esta frase, o que case queda oculto, leva máis razón ca o dito a berros. Co fermoso que é camiñar coa palma estricada, para poder apertar a man do outro con plenitude. Un pracer. Ou levala ao peito e poder dicir síntoo, ou quérote, con total franqueza e rotundidade. Acariñar, sentir? Mellor a mancheas, non co índice por diante.

As mans abertas dan moito, e reciben máis.