Nin paro

María Canosa< / span> PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

N on imos ter nin paro. Ao tempo. Xa están por pedir un rescate para facer fronte á devandita prestación económica, así que isto vese vir. O Goberno non ten nin para pagar o paro. Quizais por iso haxa aforros nos soldos dos deputados. ¿Cando lles tocará aos asesores? É para botarse a tremer, ou fuxir correndo a non sei onde. O caso é marchar. Pero aquí non somos de abandonar o barco, máis cando os capitáns non o pensan sequera. O problema é que comezamos a facer auga. O único bo é que, co paso do tempo, acabamos por chamarlle ás cousas polo nome. Para solucionar o problema do paro, barállase solicitar un crédito. O luns, o presidente comentou nunha cea que non era certo que xa tivera unha decisión tomada sobre un segundo rescate. ¿Rescate? ¿Segundo? ¿Pero o outro non fora só unha axuda económica aos bancos? ¿Quen dixo rescate? ¡Non o podo crer! ¡Foi un rescate! ¡E sabémolo agora! Todos confiando cegamente en que se trataba dunha pequena axuda económica... a devolver sen contraprestacións... e resulta que non. Ha de pasar coma coa crise, que ao final, si que a había.

O que eu non lle daría a España sería crédito (de credibilidade), porque é o que non temos. Ninguén poderá confiar en nós. Nin Alemaña nin outro país. Eu, non me fiaría. Nin un pelo. Desde fóra todo se ve moito máis claro, sen as brétemas para xogar ao despiste.