O presidente do Bundesbank, especializado en facer declaracións que afondan a Bolsa española e disparan a prima de risco, dixo que «España non necesita un rescate». Sen matices, sen un «quizá», ou «probablemente». E para completar engadiu que os cartos que sobren dos 100.000 millóns do rescate bancario non se deben empregar para outros fins.
Se o dixese outro diríamos que é unha boa noticia, pero mentres Rajoy declara que o está pensando porque pedir un rescate é cousa seria que non se debe precipitar, igual que unha familia non se precipita a mercar un piso; e nun momento en que as institucións financeiras do país o animan a dar o paso, e no que o comisario europeo Joaquín Almunia, outro especialista en declaracións inoportunas, augura desastres se se demora a petición de rescate; dadas esas circunstancias, as palabras do alemán son unha noticia malísima.
A súa declaración non se debe a que aprecie positivamente a nosa situación económica senón á intención de non conceder o rescate. Decide que España non o necesita e que debe arranxar as cousas ela soíña, e no caso de que o pida e llo concedan será nunhas condicións tan duras que mellor lle será non pedilo.
A resposta dos mercados a tal declaración (subida de prima e baixada da Bolsa) confirma que se trata dunha mala noticia.
E eu pregúntome se non hai na UE alguén con autoridade que lle diga a Weidmann: ¡Cala, tío!