O asunto electoral máis importante

Lourenzo Fernández Prieto< / span> MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

18 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

¿En qué tipo de país queremos vivir? é o que se decide nas vindeiras eleccións. Bill Clinton expresouno na recente convención do Partido Demócrata así: «Se nun país no que esteamos sós, no que o gañador lévao todo, deberían apoiar a candidatura republicana», pero «se queren un país de prosperidade partillada e de responsabilidade partillada e unha sociedade na que todos esteamos xuntos, teñen que votar por B. Obama». É o que se dirime en calquera elección nacional, expresado como dilema en termos esquemáticos e sinxelos, os mesmos no que os votantes toman as súas decisións. Non é tan difícil explicar o queren uns e outros aló nos EE.?UU. Aquí tampouco, salvando as distancias, aínda que os matices do saudable pluralismo europeo eleven o bipartidismo norteamericano ata os oito partidos parlamentarios da pequena Holanda: catro grandes e catro pequenos. Pero tamén alí, despois das eleccións do mércores, agruparanse para dirimir un programa baseado nos dous polos expresados por Clinton.

Este é un momento crucial e a crise acentúa aínda máis o carácter doméstico dunhas eleccións nas que os votantes ollan para dentro da casa. As claves electorais en Galicia serán: traballo, benestar e autogoberno. O PP e Feijoo téñeno claro e volveremos velo en vídeos de campaña nunha cociña falando de asuntos literal e visualmente domésticos, por máis que a súa política destes anos tivo un balance empírico de máis paro, recortes sociais e esfarangullamento do autogoberno. Á crise económica súmase unha crise política expresada na aparición de novos partidos, consonte cun electorado que está nun 40 % pendente de decidir o seu voto segundo a enquisa de Sondaxe. A crise é un marco destrutivo, tamén para unha oposición que pode saber que canto mellor lles vaia a todos máis perto estará de mudar o Goberno ou que pode lembrar a diferenza entre este Goberno e o anterior para marcar algún camiño alén de que queira derrotar ao PP, porque ese é un programa ineficaz para unha elección marcada pola procura de seguridades, domésticas ou políticas, ao abeiro da treboada.

Á oposición quédalle pouco tempo para empezar a facer propostas construtivas que permitan visualizar un Goberno novo, serio e plural que a maioría da xente seguramente quere. Como quixo no 2005 e aínda no 2009 (cando logrou máis votos pero menos escanos). A política serve para responder ás necesidades colectivas e quen sexa capaz de descubrilas e atendelas xogará o partido dun futuro que será máis plural. Esa pluralidade pode ser a clave política do cambio de goberno se as novas agrupacións electorais (AGE e CxG) logran mobilizar ao electorado desencantado do PSOE-BNG-PP-EU que reflicten os inquéritos. Terán que facer minería de votos na abstención, no voto en branco e nos electores dubidosos ao axexo de novas propostas. A clave non será o cálculo matemático senón a proposta política, en calquera opción e sexa cal sexa o resultado ¿En que tipo de país nos propoñen vivir?