Rajoy, 2

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

13 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Dende o día 12 de xullo, data na que escribín neste espazo unha columna titulada Rajoy, recibo ominosas impresións sobre a miña competencia política ou humana. Non se cuestiona o meu emocional argumentario, senón que se manipula arbitrariamente. Dicía, e digo, que me sinto orgulloso de que un galego sexa presidente do Goberno. Os manipuladores argumentan que non todos os galegos son bos e xenerosos, a pesar de Pondal. E teñen razón. Incluso algúns traen á memoria mil longas noites de pedra. E aquí non a teñen. Porque a razón está sempre do lado daqueles que non a vulneran con sofismas. E dito isto, reitero que sinto orgullo por ter a un galego na Moncloa. Un galego elixido democraticamente nas urnas que gardan maiorías (ruidosas? ou silentes) e propician gobernanzas. Pero a imaxe de Rajoy non ten le charme dos presidentes socialistas: eles procuran candidatos seductores (zapafelipistas), non administradores eficientes. O felipismo acabou catorce anos de mandato cun vodevil de corruptelas, o zapaterismo deixando esta España empobrecida e carpanta. Rajoy afirma que fai o necesario, pensando no futuro e no ben común, e que non lle importa rectificar para cumprir co seu deber. Kant, que era alemán e teólogo como o pai de Angela Merkel, falou moito do deber. Pero a esta esquerda non lle interesan nin o deber nin a teoloxía, senón instaurar o pensamento único: por iso non consente que un escritor galego (a cultura é de esquerdas ou non é) sinta alegría porque un paisano chegue a presidente. España e Galicia son unha historia de suicidios. A min, por sentir orgullo, tamén queren suicidarme.