O s bancos de alimentos deron de comer en España no 2011 a dous millóns de persoas. Financiados dende 1987 pola UE, que aporta un 40 % dos alimentos, corren o perigo de perder ese financiamento. Os partidarios da redución de gastos consideran que dar de comer aos seus cidadáns é labor dos Estados, non da UE. De momento, ata o 2014, mantense cunha redución notable.
Hai que expor a necesidade de xestionar mellor os alimentos. Un informe do Parlamento Europeo denuncia que tiramos ao ano 89 millóns de toneladas de alimentos comestibles, correspondendo a España unha media de 163 quilos por persoa. Na miña casa dicíase: «Non se pode tirar comida, que hai moita xente que pasa fame». Parece que nos anos do ladrillo esa frase esqueceuse porque os restaurantes españois tiran 63.000 toneladas, e a iso hai que engadir o que desperdician produtores e industria agroalimentaria e o que desperdiciamos os consumidores (un 42 % do total).
A rede de bancos de alimentos de España quéixase da falta de infraestruturas que lles impide aproveitar as doazóns que reciben (90 millóns de quilos no 2011). Quizá cunha boa campaña de información e concienciación, poderíamos prescindir desa carrañenta axuda europea.