Festa rachada

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

09 sep 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Alá foi o San Ramón e velaí vén o San Andrés. E a Santa Minia de Brión, valedora dos entangarañados, igual que a Señora do Corpiño e o San Benitiño de Coba de Lobo. Cada santo co seu remedio: San Roque para a pel e as extremidades, San Blas para a gorxa, San Alberte para os atrancos da fala, San Antón para os casorios (tamén para enfermidades do gando), San Benitiño de Lérez para as espullas (entre outras cousas), San Bartolomeu para os estragos da cabeza, a Nosa Señora da Lanzada para a fecundidade, igual que o Santo Cristo de Fisterra, Santa Rita contra os imposibles?

As cousas empezaron a mudar cando entrou a Seguridade Social. Tiña eu unha tía avoa que cada vez que ía ao médico polas receitas levábaas despois ao santo para que llas confirmase, e logo aplicábaas. Mais a Seguridade Social inicia o período laico da fe. Outro tipo de fe, que tampouco era incompatible coa verdadeira. Unha vela ao santo e outra aos señores do ambulatorio.

Contabilizaba Joaquín Merino na década dos 80 ata 2.000 romarías en Galicia entre os meses de maio e setembro: empezaba coa Santa Rita e ramataba na Pilarica de outubro. Festa rachada. Un curmán meu, ao que chamabamos Manolito Verbenas, tiña unha libreta na que apuntaba todas as festas ás que se podía ir a andar ou en coche de liña nun radio de acción de non máis de dez quilómetros arredor de Pontevedra, e non había día que non houbese onde escoller, entre o San Isidro e o Pilar, ás veces a catro e cinco. Aínda hoxe, poste na porta da casa calquera sábado do verán e hai un balbordo de foguetes a revolucionar o mundo, anunciando celebracións. Na aldea onde eu vivo, sen saír da parroquia, teño o Corpus, o San Isidro, a Santa María, o San Antón, o San Ramón, a Santa Minia?

Despois viñeron as festas gastronómicas, a sumar ás anteditas. Perdida ou minguada a devoción dos santos, pasamos ás larpeiradas. Seica a máis antiga é a do viño albariño en Cambados, mais logo empezaron as empanadas, os pimentos (de todas clases e de todas as xeografías), o chourizo, o polbo, o xamón, o cocido, o marisco (todos os mariscos), as cereixas, os pexegos, as patacas, o peixe grande e pequeno, o carneiro, a vitela? A vella memoria da fame, da que falaba García-Sabell, deixou profunda pegada en nós, e igual que celebramos os santos pasamos a celebrar a vianda.

A última xeira, que non a derradeira, son as festas histórico-culturais, incluídas as musicais (Ortigueira): dende as feiras medievais, case que unha en cada vila, ata a memoria de acontecementos sobranceiros coma os Irmandiños de Moeche, os Viquingos de Catoira, a batalla de Elviña ou o Río do Esquecemento na Limia. Impresiona ver as nosas autoridades locais pasando o río, vestidas de romanos, coma nos contos de Asterix. Alegría de estar vivos, que nos tempos que vivimos aínda se valora máis. Logo vén a señora Merkel, bótalle unha ollada ao espectáculo, e á vista de tanta fartura acaba subíndonos o IVA dos pementos. Pero iso é outra historia.