Ronaldofobia

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Ronaldo é un incidente, unha barricada, un espléndido grosor vulgar e ordinario. É unha inmoralidade en si mesmo. Un produto industrial, como unhas zapatillas ou unha lata de conservas. Un individuo coma el podería facer moito por mellorar o mundo, pero qué lle pode importar o mundo a un futbolista presuntuoso e zafio. Os futbolistas, en definitiva, debían xogar ao fútbol, pero algúns esquecen que están aí para facernos gozar, vibrar, sentir paixón sobre un rectángulo de herba. Esquecen que pagamos nós para que eles corran tras un balón, con certa dignidade estética e valor competitivo: é a súa profesión. Darlle importancia semiolóxica ás palabras pronunciadas por un futbolista é como outorgarlle valor literario ao BOE. Ronaldo non se fai querer, non sabe. Coñezo xente similar, preocupada non obstante en ser querida algún momento da súa vida. Ronaldo só escribe a palabra amor sobre un cheque de sete cifras. A min prodúceme unha sólida repugnancia Ronaldo. Sinto o mesmo por el que polo seu adestrador petulante e agrio. Mourinho e Ronaldo sóbranlle ao fútbol, pero van moi ben para vender periódicos de Madrid. Quizá chegue o día en que alguén, un rico presidente branco, teña que dar explicacións por instalar a displicencia no corazón de España. O fútbol como pólvora rata, un xogo de «guerrillas» que proporciona solaz aos belicosos. A min non me preocupa que Cristiano Ronaldo estea triste, preocúpanme máis os millóns de parados. O seu egocentrismo e soberbia son contradidácticos. A súa fotografía é un comentario de texto sobre os tempos que vivimos: disparatados. Sufro Ronaldofobia.