P ois, Collarte, querido, deberías ser candidato á presidencia agora que valoramos tanto a sinceridade nos políticos. Ti es un heroe, un gran tipo que por fin desvela ese bonito segredo que son as conversas máis íntimas dalgún deputado: non mola nada cobrar ao mes aínda non ben un millón de pesetas (mellor dicilo á antiga) podendo cobrar máis noutro sitio, ¿nonsi?
Es un incomprendido e a xente obcecouse contra ti. A ver se llo explicamos: ninguén quería ser deputado polo PP, e ti tiveches que facer esa cesión que todos os galegos aos que representas deberían agradecer rendéndoche pleitesía coma noutrora, quizais con dous ferrados de trigo por ourensán. A xente non entende que estar en Madrid, esa cidade tan fea na que ninguén quere vivir, é un sacrificio por Galicia. Collarte, amigo, son a única que te valora: eu tamén me queixaría sabendo que, en lugar de tragar co peñazo das comisións parlamentarias, o meu partido podería terme cobrando o dobre nalgunha empresa pública ou privada desas que contratan mentes privilexiadas que pasaron desapercibidas ata irromper na política ou casar cunha infanta.
Non me estraña que protestes. Mais vas polo bo camiño. Es hábil politicamente, si, así que non desperdicies o teu talento e achégate a quen poida ofrecerche aquilo ao que aspiras. Pénsao ben, quizais teñas máis futuro nos espazos que albiscan unha marabillosa política do futuro: agora tés un gran exbanqueiro de reputación intachable que seguro que tamén te valora. Non o dubides. Hai un gran futuro para ti fóra dese noxento Parlamento. ¡Fuxe! Non desperdicies a túa vida nun traballo tan mal pagado no que non valoran os heroes nin os xenios coma ti.