P arece confirmarse que o pai dos nenos cordobeses desaparecidos matou aos seus fillos e queimou os cadáveres. E que foi un acto friamente preparado para vingarse da súa muller. Dende que se empezou a falar deste caso, moitos nos preguntamos como foi a vida desa muller que conviviu con semellante monstro, que foi quen de reunir as forzas necesarias para conseguir a separación, e que, sen dúbida coñecéndoo ben, insistiu pola súa conta na investigación que pode conducir ao merecido castigo. Vénseme á memoria o caso de Adolf Eichmann, responsable da morte de millóns de xudeus que, nembargante, na vida cotiá comportábase como un home normal e ata tiña detalles de bo marido, como aparecer cun enorme ramo de flores o día do 25 aniversario da súa voda ; acto que contribuíu á súa identificación. O axente xudeu que o capturou dixo del: «O máis inquedante de Eichmann é que non era un monstro, senón un ser humano». Non parece ser o caso do individuo que nos ocupa. A mitoloxía e a literatura ofrecen dous paradigmas, masculino e feminino, dese acto monstruoso, que a razón se resiste a admitir: o deus Saturno, que devoraba aos seus fillos para que non lle arrebatasen o poder, e Medea, que, tola de amor e de celos, mata aos dous fillos que tivo con Jasón. Pero ás veces a realidade supera en crueldade á literatura.