Digo con

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Cando escribes con, escribes o contrario de contra. Vivir con significa deixarse acariñar polo outro, ou fuxir del se ignora a palabra afecto (a ruindade existe). Vivir con é necesario neste tempo en que tantos desviven por vivir contra. Pla dicía que era un contra: «Yo navego contra la corrupción de la corriente. No soy un producto de mi tiempo. Soy un producto contra mi tiempo». Hoxe, para vivir contra este tempo de malicia, é preciso abrazar aos que están contigo. Os que camiñan perto de ti. Os que non renuncian a quererte aínda que ti non te deixes. Os que aman como poden, ou saben. Os que levantan o ánimo por riba deste desánimo gris que se apoderou, como soga, do noso corazón pálido. Eu sei que só a ilusión, o horizonte, procura gozo. Somos o que vivimos, e somos tamén o que imos morrendo. A ilusión fainos vivir, non permite que a morte nos acompañe. Coñezo xente que leva a morte do brazo antes de inscribirse como cadáver, corazón pálido, no frontispicio dun cemiterio dun lugar calquera. Mortos que van vivos pola vida: viven contra e non saben vivir con. Coñezo xente que leva no rostro un cartel invisible: «Odio, intolerancia: estación de servicio». Xente que ten o sol enterrado baixo os zapatos: para pisalo. Algúns odian aos que non pensan igual, os discrepantes da corrección política, como se cada día tivesen a obriga de xurar unha bandeira sen tenrura. Eu reclamo tenrura, agora que queren despintala. Reclamo que Alí Babá roube todas as estrelas e que brillen en todas as noites, especialmente de día. Eu, que sempre fun un contra, digo con. Non renuncio, pese a todo, á esperanza.