¿Que é un inmigrante enfermo?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

O 11 de marzo de 2004 algo me impresionou máis cás imaxes da explosión en Atocha: na prensa fíxose un chamado aos inmigrantes en situación irregular que fosen nos trens e puidesen estar feridos para que fosen a urxencias sen medo a seren descubertos. Eran pasaxeiros dos trens masacrados no atentado sen contar a súa procedencia, cor da pel ou relixión. Eran simplemente vítimas, precisaban con urxencia atención sanitaria, e nada máis.

Hoxe pregúntome cándo, neste país desnortado ante as débedas, os enfermos deixaron de ser persoas para se converteren en pagadores dun sistema sanitario. Cándo empezou a compensar ser vítima dun atentado a abrir a cabeza nunha beirarrúa. Lembrar que un inmigrante enfermo é antes enfermo ca inmigrante non vén mal cando semella que a ameaza da pobreza se converteu na excusa ideal para xustificar o peor dos discursos racistas.

Claro que os discursos rancios resisten mal o sentido común. ¿Por que ninguén amosou cifras do que supón o gasto sanitario dos inmigrantes en comparación coa deriva de probas diagnósticas das consultas privadas ao sistema público? ¿En que momento entre 2004 e hoxe os inmigrantes tomaron pola forza os servizos de urxencias? ¿Contan como inmigrantes en situación irregular islandeses ou canadianos que prolongaron sine die a peregrinaxe a Compostela? Paréceme máis prexudicial en urxencias un adolescente madrileño coa primeira chea ou unha mamá galega histérica porque o fillo esbirrou ante un plátano. Veña, señores gobernantes, sexan decentes, destapen as cartas e atrévanse a dicir que son racistas.