En Arabia Saudita vaise construír unha cidade para as mulleres que queiran traballar. Só para mulleres. Esperan crear cinco mil postos de traballo na industria téxtil, alimentaria e farmacéutica. Segundo din, contará cun centro para formar ás traballadoras e desenvolver os seus talentos.
A primeira impresión parece positiva: poden traballar, adquirir certa independencia económica e desenvolver capacidades que doutra maneira quedarían frustradas. Pero, dado o contexto, esa impresión é enganosa. Nun país no que as mulleres non teñen dereito de voto, nin se lles permite conducir, nin saír soas ou en compañía dun home que non sexa o seu marido, nin viaxar ao estranxeiro sen o permiso dun membro masculino da familia, esa cidade exclusiva para mulleres é un sinal de segregación máis que un paso adiante no camiño da igualdade.
¿Que dereitos terán unhas traballadoras que non teñen ningún como mulleres? ¿Como serán as condicións de traballo? ¿Como poderán protestar de posibles abusos unhas persoas que son controladas ata na súa maneira de vestir?
A segregación, como a escravitude, non admite componendas. Hai que eliminala. Esas cidades de mulleres soas deben ser entendidas como o que son: guetos de marxinación. E manifestar a nosa repulsa, por moito que necesitemos do petróleo de Arabia Saudita.