O sol e o candil

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

12 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O economista francés Frederic Bastiat (1801-1850) non pasou á historia polas súas contribucións ao pensamento económico. A súa sona débese, case en exclusiva, á súa capacidade de cuestionar á vez aos sectores máis conservadores que defendían en Francia o mantemento dos privilexios do ancien régime e aos movementos socialistas emerxentes que axitaban ás masas sen preocuparse da practicidade económica das súas propostas. Memorable é a pasaxe na que formula a súa coñecida crítica do proteccionismo (mediante a aprobación de aranceis contraditorios coa liberdade de comercio) impulsado polos sectores franceses máis conservadores, na que no nome dos fabricantes de candís, candelas, farolas, aceites e en xeral da industria do alumeado denuncia «a competencia intolerable dun rival estranxeiro na produción de luz ata o punto de que o noso mercado nacional se atopa totalmente inundado pola súa a un prezo fabulosamente reducido... Este rival ... é o sol»; propoñendo ao lexislativo que ordenase o peche de todas as portas e xanelas para subir a demanda de luz artificial.

Ao igual que entón, e como tantas outras veces ao longo da historia, son moitos os que propoñen cuspir cara ao vento, sen decatarse do contraproducente das súas propostas. A economía española enfróntase basicamente a un problema de perda de competitividade (por non ter sabido aproveitar as vantaxes dun euro que permitiu un financiamento moi barato), ao que se xunta (precisamente por ter desaproveitado aquela oportunidade) un problema de endebedamento excesivo. O conxunto das débedas da economía española equivale aproximadamente a 3,6 veces o PIB de España, se agregamos o 65 % do PIB que deben as familias, o 125 % que deber as empresas, o 100 % das entidades financeiras e o 70 % (e crecendo) do total das Administracións públicas. Case a metade desa débeda española (o 45 %) está en mans estranxeiras. Mesmo se descontamos os investimentos españois no exterior a débeda neta de España case iguala ao PIB, é dicir, a todo o que o conxunto da economía española é capaz de producir nun ano. Neste contexto, resulta imposible financiarse para seguir gastando con diñeiro alleo; ou, como estamos a ver todos os días, os custes deses préstamos resultan prohibitivos. España, como acaba de recoñecer o FMI, está pagando un sobrecusto ao endebedarse que, facendo unha sinxela extrapolación cunha prima de risco normalizada, permitiría ao Estado aforrar uns 2.300 millóns de euros só no 2012.

Se o axuste do gasto (para evitar a espiral crecente do endebedamento, tanto privado como público) é o requisito imprescindible para que a economía española poida retornar ao crecemento, os que á vez piden o seu incremento incorren na flagrante contradición de pretender soprar (gastar para estimular á demanda) e sorber (recortar para aforrar no pago de xuros pola débeda) ao mesmo tempo. Fronte a elo só é posible, á vez que se axusta o gasto e mentres se comprime a demanda nacional, demandar un impulso do gasto público a nivel europeo (como propugna o Goberno de Mariano Rajoy) e impulsar as exportacións para vender fóra o que o mercado español non é capaz de adquirir.

Neste contexto, Galicia atópase nunha posición moito máis favorable que o conxunto da economía española e as demais comunidades autónomas. É a que ten máis doado cumprir os obxectivos de déficit (o que implica que a contracción dos seus orzamentos para 2013 vai ser das máis reducidas de España), o que ademais se traduce nunha capacidade de financiarse moito máis barato (en relación coa media das autonomías, só este ano aforramos 187 millóns de euros en xuros), facendo innecesario acudir aos fondos estatais de axuda ás autonomías e alonxando o perigo de intervención; o que é a mellor forma de defender o noso autogoberno.

A economía galega é moito máis aberta (en termos de taxa de apertura, uns 10 puntos) que o conxunto da española; e a nosa taxa de cobertura (exportacións/importacións) é moi superior á española (125 % a galega; 82 % a española).

A nosa economía, cunha taxa de paro sensiblemente inferior á media estatal, está, en definitiva, mellor preparada para saír da crise, como consecuencia do resultado dunha acción de goberno decidida nos axustes e que aposta pola internacionalización e a apertura (como o acordo coa multinacional Pemex vén de confirmar). É dicir: abrindo portas e xanelas, para que poida entrar o sol. Unha política económica que ten presente, como Bastiat lembraba aos socialistas da súa época, que «todos queren vivir a costa do Estado, pero esquecen que é o Estado quen vive a costa de todos».