De Tombuctú a «Tombooktu»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

07 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Buscando polos infinitos lugares da web (a arañeira universal), verase que a Tombuctú lle apareceu un competidor fonético, «Tombooktu»; e que ese novo nome leva aparellado un camelo feito por arte de papiroflexia: é o logo dun selo editorial que produce textos coidadosamente editados en formato e-book antes de seren impresos baixo demanda. A idea de «Tombooktu» está baseada na esencia de Tombuctú, a cidade de Mali onde se conservou unha biblioteca vastísima de documentos creados no mundo musulmán. Esa biblioteca é fundamental para entender España, supranación en crise -non só económica-, chea de diferenzas fronte a outros Estados europeos. Quen queira informarse a fondo sobre Tombuctú e España, lea Los otros españoles, de Ismael Diadié e Manuel Pimentel. O subtítulo do libro, Los manuscritos de Tombuctú: andalusíes en el Níger, revela obxectivos dos autores. Nada tan desmitificador da Historia de «los árabes» na península ibérica coma o texto de Diadié, un malí descendente de andalusís, e Pimentel, un andaluz descendente de galegos.

«Tombooktu» nace na web en canto Tombuctú perece no deserto: a cidade mítica caeu recentemente en poder de integristas aos que os libros españois en árabe, hebreo e castelán «aljamiado» non lles lembran o esplendor de Al-Ándalus. As potencias europeas e os EE. UU. temen que Al-Qaida se asente en Tombuctú e de alí irradie fanatismo; mais é o mundo enteiro o que debería temer a destrución dun ben literario universal a mans duns tolos.