Materias pendentes

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

07 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Cos novos plans de estudos, perdeuse un pouco a esencia do ensino, cando menos, para os que puidemos cursar a EXB. San Xoán marcaba a entrega das notas, e o decorrer do verán. De haber suspensos, tocaría un sacrificio maior. Pero hoxe xa non hai o temido setembro. O curso remata, para ben ou para mal, en xullo. Esquecemos as materias pendentes e os estudantes, aínda que non superen todos os exames, acaban por relaxarse, e non se esforzan de igual xeito que se tiveran que examinarse apenas dous meses despois. Coma se a calor nos axudara a esvaecernos dos problemas, e estes se minimizasen, chegando a crer que desaparecen. Porque solucionar, xa sabemos que non vai ser posible, pero o esquecemento é a cura para algunhas feridas. Ao final, as cicatrices sempre nos recordan que esa dor estivo aí, e ás veces, volve manifestarse, aínda que sexa máis débil.

Ao ler que a decisión sobre o rescate de España se pospón ata setembro, lembrei as materias pendentes. Di o Estado que neste curto espazo de tempo aforrará máis de cinco mil millóns de euros. Son os deberes para recuperar a materia «Economía en Europa». Haberá máis recortes en educación e sanidade, e obviarán convocar prazas públicas de emprego. Europa demora a decisión, pero non cede na presión. Setembro volverá ser setembro, arrasado polo lume de agosto.