¿Reconversión das artes escénicas?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

O skar Schindler convenceu ao sanguinario Amon Goeth de que os grandes emperadores conseguiran dominar pobos amosando que o poder non só é exercer a imposición, senón tamén o perdón. E a temperanza, engadiría eu. Ter poder, por iso, é unha oportunidade fantástica para demostrar intelixencia, especialmente se o que che toca gobernar non son os campos de concentración, senón o sector da cultura en Galicia: a diferenza dos condenados aos campos de exterminio, as xentes do teatro, por exemplo, son tremendamente comprensivas coas súas desgrazas, non sei por que. Mais que se dediquen ao teatro non significa que se alimenten de sonetos. Nin sequera está demostrada unha relación directa entre o teatro e a idiotez. Por iso de vez en cando protestan, sobre todo despois de que se lles fale dunha reconversión do sector que lles dá de comer antes de valorar alternativas. Alternativas que, créanme, non custan cartos.

Pero nesta crise, os Amon Goeth que nos gobernan andan a convencernos de que o espazo intelectual e o teatro están entre esas cousas superfluas que precisamos menos que, por exemplo, unha deputación. Cando é evidente que os que mellor viven cunha cidadanía inculta e insensible son, xustamente, os políticos que descoñecen o valor político do sentido crítico. Por iso permítanme que me disfrace de Schindler para dicirlles a quen gobernan a cultura que ser poderosos tamén é temperarse e decatarse de que o poder para reconverter o teatro non só é matalo, senón salvalo. Que os grandes sabios da política tiñan como virtude pensar antes de decidir e por iso mereceron un respecto inmorredoiro, fosen do partido que fosen.