Regresar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Chegou a calor para acompañarnos na fin de semana, e tamén para facerlle máis sinxelo o regreso aos que estiveron de vacacións.

¿Como vai o país? Pregúntanme dende a cor dourada da pel, e mirada relaxada. Quince días sen ler o xornal nin escoitar os noticiarios. Un paraíso. Mágoa ter que volver á realidade.

Achégolles o xornal para que eles mesmos se poñan ao día, ao tempo que digo: mellor non o mires moito, tómao con calma.

Pregúntome, daquela, se é posible abstraerse desta crúa realidade tan só con afastarse das novas do mundo, facendo oídos xordos e ollos cegos.

E o que é máis, ¿por canto tempo? ¿Porque nalgún momento haberá que regresar, non? Quizais sexa cando nos toque pagar unha peaxe, ou mercar un caderno. Non poderemos ver tranquilamente os xogos olímpicos, coma cando o facía de nena, sentada no peitoril da ventá da casa da aldea, ao fresco. Debemos estar ao axexo sempre.

Moi lonxe tampouco podemos ir, porque fóra do noso país si ven a situación con distancia. Vennos mal. Moi mal.

Marchemos de vacacións, si. E afastémonos de aquí. Pero para poder ver que é o que está pasando, e traballar para darlle a volta. Con sentido. Con voz propia, non só allea.

Estaría ben que fose tan sinxelo coma iso, facer unha viaxe, para poder regresar.