Quizá sería mellor titular: «A satisfacción dos ingleses por ser ingleses», pero é longo demais. Eu non podo dicir que disfrutase co espectáculo. Sentín o mesmo que cando nos Estados Unidos en setembro do 2001, tras o atentado ás torres, vía por todas partes aquel verso de Lee Greenwood: «Proud to be an american», en cochazos fabulosos e en cacharros con rodas, en mansións e en casas de xente pobres... Si, señor, orgullosos do seu país, sen criticalo polo que fixo mal, que foi moito, dispostos a defendelo en momentos difíciles.
Daquela sentín envexa, igual que agora na inauguración dos xogos en Londres. Por se alguén dubida da grandeza da nación inglesa a cerimonia dedicouse a recordar aos seus e ao resto do mundo o magníficos que son e canto lles debe a humanidade polo que aportaron á ciencia, á cultura... E tamén sentín pena, porque nós somos incapaces de facer algo así, aínda que non nos falta materia prima. Nós nin sequera ao descobremento de América fomos quen de sacarlle partido: Alba de América de Juan de Orduña, e pouco máis. Menos mal que non nos concederon os xogos a nós porque aquí os de sempre asubiarían cando soase o himno nacional e berrarían «¡fascistas!» cando se despregase a bandeira. ¡Que pena e que vergonza!