Para os que gravan e desgravan nas súas vidas o imposto do valor engadido da amizade, dos bos sentimentos, da xustiza e a fe no ser humano. Para os que non aprenden as inalienables verdades da economía. Os sobrantes de tenrura. Os que non coñecen o odio. Os funcionarios, que non son tan malos como algúns queren pintalos: funcionarios son os que educan os teus fillos, os que os curan, os que reparten xustiza, os que atenden súplicas, réplicas, os que administran, e miles de devotos que fixeron do servizo público as súas vidas. Para os que saben que a felicidade reside nas pequenas cousas, non nas grandes conquistas. Para os que se rebelan contra o maldito éxito da insignificancia que padecemos: canto máis inane, torvo, vulgar e ordinario máis alto podes chegar no mundo masivo dos medios masivos. Para os que nunca morren de pena: porque saben vencela. Para os que atenden aos que nunca son noticia. Para os que quedaron sen traballo e sen indemnización millonaria. Ninguén se acordou deles, 6000 periodistas: os verdadeiros garantes da democracia adolescente que gozamos (e en ocasións padecemos). Para os que comprenden que a liberdade dos outros é tan importante como a propia. Para os románticos. Para os que aínda pintan no corazón das árbores un corazón con frechas manchadas de amor. Para Janis Joplin, que me acompaña cando estou triste. Para os que permiten que as nubes se disfracen con cara de coello ovella pastor (Tango, meu can nobre). Para os que combaten o tedio con flores. Para os que deixaron a pel, de paixón e ardor, noutra pel que dicía ámote. Para elas e eles, tan próximos: beizón.