Saír correndo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

N on me cabe neste artigo tanto abraio. Ou decepción. Desalento. ¿Incomprensión? Desazo. Nin sequera podo atopar a palabra exacta. Quizais porque non a hai, quizais porque necesito de moitas para desafogar.

Xa non sei nin quen somos, nin onde estamos. E menos a onde chegar... ¿ao abismo? Lonxe do que se puidese asemellar a un país serio, iso si.

¡Atención, novidade! Reducen a contía económica do paro, precisamente agora que afecta ao maior número de persoas na historia. Iso é aforrar cartiños. E vidas. Minimizarán tamén a duración. Xa é complicado non poder traballar, e agora máis aínda. Non só se preocupan os desempregados actuais, facémolo todos, temerosos de engrosar o seu grupo nun espazo ben breve de tempo.

Non falemos do IVE, porque este vai subir, máis que nada nos produtos básicos, eses indispensables para vivir. ¿O motivo? Ben claro. Debemos compensar o fraude. Como saben que nós pagamos, deducen que pagaremos máis. E os que non o fan... ¿para que perseguilos?

¿Que hai do imposto ás grandes fortunas? Iso mellor nin mencionalo, non vaia ser que se nos marchen aos paraísos fiscais... Os cidadáns non saímos correndo porque non temos a onde. Pero xa nin recoñecemos o noso. Acabarán por suprimir concellos, aquí, que sempre nos rexemos polo lugar, a aldea ou a parroquia. Dá igual o característico minifundio e a dispersión xeográfica, porque para isto, Galicia, ¡por fin!, é igual ao resto da península.