S erá cousa do meu pasado bárbaro, pero satisfaime que alguén idease un Plan Estratéxico da Cidade da Cultura capaz de exceder as perspectivas de mandato dos responsables da consellería. Ata agora ningún Goberno foi quen de imaxinar unha Cidade da Cultura do futuro, capaz de xerar verdadeira formación e coparticipación cultural (o máis suxestivo deste plan). Así que igual que o meu lado xermanoriental se aledou daquel Plan das Artes Escénicas que quedou en nada, tamén agora se congratula coa chegada destoutro para o Gaiás. E si, é esaxerado coma toda a retórica do poder, e é manipulable coma toda previsión orzamentaria patoloxicamente optimista. Mais xa fartei de que todos tenten convencerme de que a única opción posible é aturar no Gaiás un castelo de Lego no que cada peciña lle custa aos galegos o meu soldo dun mes. Por primeira vez o discurso mudou.
Pero detecto reticencias a someter o plan á opinión pública. Se, rimbombante, pretende «un novo modelo de desenvolvemento de Galicia baseado na cultura», sería interesante escoitar o que o sector da cultura ten que dicir sobre un plan que o infecta pola súa estratexia fundamental: o Gaiás será o eixo da política cultural pública, comprometendo, coido, a implicación do Estado coa estrutura produtiva e laboral da cultura galega, eses que non poden financiar a Cidade da Cultura pero que sosteñen o que somos e, por iso, son imprescindibles.
É certo que está ben ter plan, pois, coma os ligues inesperados, sobe a autoestima. Mais eu quería un plan para casar, algo que superase ese telón de pedra brasileira. Se fixo isto, este equipo xestor pode aspirar ao matrimonio coa cultura fóra do Gaiás. Rétoos.