«Gallaecia petrea»: ¡que cara é a nada!

La Voz FIRMA INVITADA

OPINIÓN

25 jun 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Cóllase unha montaña natural, fágaselle un corte, e constrúase outra nova artificial, de tal xeito que, para que pareza natural, estea recuberta de pedra. A pedra pode extraerse do mesmo lugar, toda ou parte, ou sexa de Galicia, ou importarse para aforrar dun país irmán na lusofonía: Brasil. Fáganse uns grandes contedores baleiros, obra dun arquitecto cosmopolita, violando todas as normas da eficiencia enerxética e da ecoloxía, pois terán que ser quentados ou refrixerados continuamente. Consígase ademais que podan elevarse en calquera lugar: Catar, Finlandia ou o deserto de Gobi, pois non haberá neles nada que os poida identificar con Galicia excepto as pedras, unhas pedras cuxo valor construtivo pasará a ser recoñecido a partir de agora no mundo enteiro grazas a Peter Eisenman, segundo di el mesmo. Como Eisenman é un teórico posmoderno, cre que os edificios son estruturas que non serven para nada concreto; na linguaxe de arquitectos como el fálase por exemplo de «solucións habitacionais», que poden oscilar entre unha cabana, o palacio de Versalles ou as chabolas dunha favela brasileira, que tamén deben ser irmáns na lusofonía.

Nun contedor baleiro e sen función, póñase unha exposición sobre algo tan concreto como a pedra, a mesma pedra que cobre o edificio oco que agora no seu interior terá vida propia. Acude á exposición o noso presidente, que a inaugura dicindo que os galegos temos «un rostro pétreo», aínda que algúns teñan a cara máis pétrea ca outros. Tamén di que Celso Emilio escribiu Longa noite de pedra, o que deberá entenderse a partir de agora no senso de que se a noite, ademais de ser de pedra, foi moi longa, entón terá moito máis valor.

Cando entramos no edificio, decatámonos de que ou non foi concibido como museo, ou foi mal concibido. Os inmensos espazos baleiros en branco inmaculado dan a sensación de que nada pode habitar organicamente nel. A exposición carece globalmente de sentido histórico, histórico-artístico ou estético. Como se pensou partindo da idea abstracta de pedra, vale calquera pedra de calquera tipo, sexa polo seu valor mineralóxico, construtivo, decorativo ou todos eles á vez.