Q ue o tamaño é relativo non é novidade, e porén é importante lembralo ao pensar en nós, este recanto de Europa. Dígoo porque ando nunha desas viaxes nas que é imprescindíbel explicar o que vén sendo Galicia e os galegos, tarefa traizoeira que sempre me trae á memoria aquel debate de se eramos acomplexados ou non.
Estaba eu explicándolle a unha escritora húngara e o seu editor os problemas do mercado editorial galego, a crise, o noso número de editoriais, o volume de vendas, etcétera, todo iso en relación coa nosa galeguísima identidade (teño un resume preparado para estes casos), cando a escritora me interrompeu para dicir con admiración «¡Pero entón tendes unha chea de millóns de lectores!». Eu, escéptica, contesteille: «Só somos tres millóns», ao que ela axiña respondeu, «Ah, claro, os galegos son moi cultos». «Tampouco tanto -dixen-, só le unha cuarta parte». «Comprarán moitos libros», retrucou. «Non? -recoñecín- moitos len porque lles mandan na escola». Silencio tenso. Eu non sabía se sentirme acomplexada ou fachendear de país ante aqueles dous húngaros deprimidos que dicían que, malia seren 11 millóns, os éxitos editoriais non superaban as catro mil copias. Entón o editor anoxouse: «Veña, ¿onde está o truco?».
¿Hai truco?, pensei mentres lle sorría coma gardando un gran segredo. ¿Como logramos soster isto que somos que interesa ao mundo ata extremos que os galegos nin imaxinan? ¿Será en realidade truco o que para nós é evidente, isto é, que existimos porque somos diferentes? ¿Mais é posible manter esta diferenza no espazo global? Eu puiden facelo ante os húngaros e saír airosa: imaxinen iso en termos económicos.