As novas e as letras

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

17 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Algunhas novas son de difícil comprensión. Ben parece que se lle reclamen agora aos socialistas pactos e entendementos, cando dende o 2010 sempre foron negados polos hoxe populares gobernantes. E aínda hoxe, e de seguido, o presidente do Goberno asegura ter a poción máxica. Mesmo que a prima de risco soborde os cincocentos puntos, ese límite onde outros países foron intervidos. Ou tamén negando, o mesmo presidente, debate algún entre políticas de axuste do déficit e aquelas outras políticas de crecemento. Ou tendo que aceptar, como asegura o ministro De Guindos, que este Goberno xa fixo todo canto tiña por facer e só queda o milagre europeo. Sen falar ninguén, iso si, deses bancos e banqueiros que son pero non están.

Agradezan a dimisión da vicevaledora segunda que deu pe á do valedor do pobo, e a ver se os partidos buscan, máis que tres vicevaledores -un de cada-, un valedor de fóra. De fóra dos xulgados. Por probar.

Máis chuscas son outras políticas caseñas que nos acompañan. Así, fachendear dunha Galicia que seica zafa cun novo recorte de 69 millóns de euros o 2012, fronte as adoecidas Cataluña ou Andalucía, embridadas por mor do límite do 1,5 % de déficit imposto polo Goberno central. Sen que ninguén fale do raro País Vasco, ou da singular Comunidade Valenciá, de Castela -as dúas-, Estremadura ou A Rioxa.

Chuscas tamén, aínda que inocentemente propagandísticas, dúas novas da acción política galega: dez mil partos máis ao ano na Galicia, e trinta minutos diarios por galego de exercicio físico. O plan Galicia Saudábel, fermosa fotografía institucional ao ar libre, polo que universidades, conselleiros e concellos, entre outros, prepararán as olimpíadas da saúde, é do mellorciño que teño escoitado como acción de goberno. Se a elo xuntamos o anunciado novo plan de natalidade -co que custa ser nai, tamén pai- polo que a Xunta pretende dez mil partos máis, concordarán comigo que é para lles dicir a tan acertados gobernantes aquilo de «¡Coño Leiviñas, qué casos me traes!» que Cunqueiro pon en boca do santo Alberte de Parga. De festa este domingo.

Parabéns a Galicia por honrar a un cidadán ilustre, un intelectual moderno, un empresario, un escritor. Parabéns á Academia porque arriscou na escolla, mais acertou. Hoxe Valentín Paz-Andrade ten a honra merecida, e os galegos logramos con elo razóns para saber de tempos escuros, do traballo dun cidadán pola súa nazón, e mesmo de cómo analizou presentes e traballou futuros. Chegarán máis análises do seu traballo como poeta, como político, como galego, mais tamén como o grande e pouco escoitado economista que foi. Unha visita demorada a La marginación de Galicia permitirá ver onde é que corenta e dous anos despois non acertamos. Uns e outros.