Gais e negros

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

C oido que foi o mesmo día. Pola mañá oín ao presidente Obama defender o matrimonio gai, e pola noite volvín ver na TV Arde Mississippi, a película de Alan Parker baseada nun feito real: as dificultades da Xustiza para conseguir castigar aos culpables do asasinato en 1964 no sur de Estados Unidos de tres rapaces, un deles negro, defensores da igualdade. ¡Canto se ten avanzado neste camiño! Pero a meta aínda está lonxe.

Miñas amigas de Estados Unidos arrepíanse cando me oen dicir «negro», elas din afroamericano, ou cousas parecidas. Pero a igualdade verdadeira só chegará cando dicir negro sexa como dicir «louro», «alto», «groso»... unha sinxela palabra descriptiva.

E no que se refire aos homosexuais, axudará moito á integración que a palabra «matrimonio» sexa un substantivo aplicable á unión de dous seres humanos, e que a distinción veña dada polo adxectivo adxunto: matrimonio relixioso ou matrimonio civil, segundo se realice conforme ás regras dunha relixión, ou dun Estado.

Coido que o xesto de Obama é dos que axudan a manter a confianza na humanidade: o presidente negro do país máis poderoso do mundo, un país que asasinaba impunemente negros, defendendo os dereitos dun colectivo que aínda hoxe segue sufrindo a marxinación.