Unha de réquiems

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

15 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

R équiem. Dise da misa de defuntos, das pregarias polas almas antes do soterramento dos corpos.

Réquiem, daquela, polos nosos montes. Polas fragas do Eume e por todos os recunchos que arderon. Este ano, o anterior e o de máis atrás. Por aquel agosto de 2006 no que cheguei a casa para a festa da vila, e non puiden ver nin a meu pai no xardín por mor do ceo cuberto de moxenas.

Nin por asomo nos recuperamos de tales perdas. ¡E o que queda! Pasaron anos, si. Xa choveu, coma dicimos aquí. Choveu tanto que desbordaron os ríos. Na casa quedaron illados, mirando a auga que levaba os coches a estrelarse ao cabo da rúa.

Tantos días pasaron? e nós continuamos sen unha política forestal con xeito. Non se deron as axudas para manter limpos os montes. Non se fomentou a reforestación. Nun mes van talar eucaliptos, nada máis.

Obviamente, nin falar de empregar os recursos. ¿Que é iso do aproveitamento da biomasa forestal? Pois existe, noutros lugares xa o están empregando. Ademais de crear combustibles menos contaminantes, dá traballo en zonas rurais.

Pero sobre todo, non se nos ocorra pensar que os incendiarios acabarán en prisión, porque non é certo. Pedirannos taxas para usar o sistema xudicial, pero de aplicar xustiza non din ren.