Primavera en Istambul

Luís Manuel García Mañá FIRMA INVITADA

OPINIÓN

H ai cidades que son coma un libro no que podes ler contidos tanxibles e intanxibles, e teñen, o mesmo que as persoas, pasado, presente e futuro. Esas cidades mudan e fan camiño, mesmo ás veces desandan parte do que antes avanzaron, mais sempre o alí acontecido é fundamental para comprendelas, para amalas e incluso para odialas, xa que, como dixo Shakespeare, o pasado é un prólogo. Paréceme que unha desas cidades paradigmáticas é Istambul.

No meu caso foi coma unha promesa a un santo no seu día. Quería cumprir coa cidade e enchouparme de emocións. Istambul sempre estaba presente nas miñas cobizas viaxeiras. Non debería deixar de pisar as súas rúas e ollar ese estreito marítimo, o do Bósforo, que apreixa os dous continentes, Europa e Asia, cunha explosión plástica e paisaxística indiscutible.

E souben que xa estaba alí pola luz do solpor dunha tarde de primavera, e polas agullas dos minaretes apuntando cara o ceo, penetrando esa luz, desde onde se espallaba a chamada gutural do almuecín. Despois vin claras mostras de ruínas, edificios decadentes e escanecados. Foi entón cando principiei a comprender a Orhan Pamuk, istambulí de nacenza e de cultura sentimental, e Premio Nobel de Literatura no 2006. A súa insistente descrición da hüzün, a amargura que lle producía a cidade, coma estado de ánimo, lembroume que os humanos non somos tan distintos. A saudade portuguesa e a morriña galega teñen puntos de conexión con ese sentimento melancólico, ou estado de ánimo do que fala Pamuk no seu libro Istambul, cidade e lembranzas.

Confirmei, unha vez máis, que a terra, onde un nace e medra, sempre deixa fonda pegada na alma das persoas, interactuando con elas en positivo e mesmo en negativo. Nós, os galegos, non somos unha rara avis que acusamos en solitario a ferida doce do sentimento de pertenza a un lugar. Ocorre tamén cos naturais doutras terras, sempre que eses lugares teñan pasado, teñan historia. É un sentimento que se constrúe de xeito plural. Temos necesariamente que ser máis dun para identificármonos con ese estado de ánimo, para constatar que somos tribo. Pamuk di sentir o mesmo que os seus paisanos.

En Istambul acadei unha fartura de beleza. Basta con visitar as mesquitas e Santa Sofía, que tamén presenta a fasquía dunha delas despois da súa transformación e da construción de minaretes anexos. Deume por pensar que sería doado achegarse a Deus nun deses edificios de cúpula semiesférica coma as dos observatorios astronómicos, vidreiras luminosas e multicolores, escoltadas polos minaretes como soldados de garda celestial. Pisar descalzo o chan alfombrado conecta coa terra, e as paredes recubertas de azulexos e suras non resultan tan tremendas como os retablos con figuras humanas encapsuladas, ás veces torturadas, que presentan moitas das nosas edificacións relixiosas. Mais non me gustou compartir estes lugares con ducias, centos e milleiros de turistas como eu mesmo era. Preferiría máis silencio neses espazos de oración. Arquitectos como o da mesquita de Sultanahmed, a coñecida mesquita Azul, xuntaron beleza e espiritualidade, dúas formas que nos achegan á divindade, aspecto que de certo rifa co balbordo das multitudes. Esas multitudes alleas esborrallan os aspectos intanxibles que lle dan a identidade máis fonda a un lugar.

Istambul produce sentimentos encontrados. Calquera pode sentir o peso do seu pasado bizantino, romano ou otomán, a fermosura dun lugar que o home modelou, deixando fonda pegada. Mais tamén se pode axexar o estado de ánimo que palpita nunha xeografía urbana que amorea vellos edificios, antigos mercados, xentes de toda procedencia e a auga de dous mares, que se funde baixo un ceo unificador, ese ceo sereo que, caída a tarde, atopei un día de primavera, cando por fin entendín a paixón pola cidade de Orhan Pamuk.