P oñerse nas puntas dos pés e estricar a figura toda. Deixar saír unha bolboreta de entre os beizos para que voe lixeira ata pousarse apenas rozando ao outro. Dar un bico deste xeito é como agasallalo co corpo enteiro.
Os beixos teñen ás, para chegar alá a onde sexa preciso, aos recunchos nos que agochamos os máis profundos sentimentos.
Sei que hai quen estará pensando que hai bicos traizoeiros, e amargos. Así é. Pero tamén doces e inesquecibles.
Podemos bicar con sinxeleza. Para saudar e dar a benvida. Aínda que tamén existen bicos complicados, que din adeus.
Xuntemos os labios para regalar deses bicos que non se dan case nunca, dos que quedan para sempre. Saen dos beizos, e levan o corazón enteiro na boca, toda a alma. Irrepetibles.
Algúns chaman polas mans, que acariñan ávidas de sensacións. Porén, hainos que nos paralizan, estáticos, coma se o mundo deixara de xirar un instante.
Moitos nacen na escuridade. Xa logo os beixos nos alumean por dentro.
Parte deles quedan un tempo pegados á pel, co olor do outro impregnando os poros. Outros préndense dos beizos e non saben despegarse. Só podemos pechar os ollos e quedar pendurados da eternidade.
Bicos, coma soños, dos que un non quixera espertar.
Porque é bonito recibir un bico. Fermoso escoitar que cho piden. E tamén poder dalo. Aínda que tan só poidamos envialo polo aire.
Pequenos, grandes, curtos ou longos. Todos serven para sentir o mundo enteiro apertando a alma.