Unha máis

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

U nha máis de tantas outras medidas tomadas. Unha máis, si, pero esta con ameaza.

Trátannos coma nenos pequenos. Dá a impresión de que non nos toman en serio. Non queren escoitar o que lles dicimos os que realmente estamos a pagar as consecuencias desta crise que nin de lonxe provocamos.

¿Que non queredes caldo? ¡Pois dúas cuncas! Máis ou menos iso foi o que dixo o presidente aos que protestaron polas súas medidas: cada venres, reformas; e o que vén, tamén.

Coma se con iso puidera calar as ideas do pobo. Seica agora tampouco se pode protestar. ¡Claro que se pode! Din que vivimos nun país con liberdade de expresión. E si, entendo que non gusta escoitar críticas e protestas. Pero é o que hai, e o que toca. Tanto remedio lles queda a eles coma aos cidadáns aceptar os recortes e decisións dos gobernantes.

En teoría, os políticos, segundo contaban os gregos, debían levar a cabo as actividades relativas ao ordenamento da cidade. Orde non só de mandato, senón tamén referido a organización. E iso é precisamente o que non estamos a sentir. Hai tempo semella que andamos navegando nun barco á deriva, dirixindo o rumbo polos bandazos que nos dan outros. Golpes que parecen ser mandados desde canóns, pois son certeiros para ferirnos. Provocan desfeitas no casco polas que perdemos forza e escoramos ata case afogar. Se pretendían guiarnos a cambiar de rumbo? resultan totalmente desastrosos á hora de recuperarnos.

Os que nos envían eses proxectís? ¿estamos seguros de que o que queren é axudarnos?