Isto é a crónica dunhas mortes anunciadas. Dous nenos de once anos, xemelgos, foron asasinados brutalmente polo compañeiro sentimental da súa nai. O psiquiatra que o trataba avisouna de que non os deixara ao seu coidado porque corrían perigo. Os nenos collíanlle o móbil á nai para chamar ás agochadas pedindo axuda. Todo o mundo sabíao e ninguén fixo nada. Ou case.
A nai é o caso típico da muller entregada a unha paixón irracional. «É o home da miña vida», di, frase que moitas mulleres maltratadas dixeron antes de morrer a mans dese gran amor. Xa se sabe, sarna con gusto non proe, pero neste caso as vítimas foron os fillos.
Só unha amiga da nai chamou ao Teléfono do Menor alertando do que estaba a suceder, pero ao parecer sen resultados. Veciños e familia abstivéronse tamén de actuar.
Se fosen cans, seguro que alguén os axudaría. Díxeno hai anos cando un neniño inglés foi maltratado ata morrer por dous nenos maiores. Dez e sete persoas vírono e non actuaron. Pensaba que nós éramos distintos.
O dereito penal contempla como delito a denegación de auxilio. A nai será xulgada e castigada, pero non debería ser a única. Neste porco mundo hai tan pouca compaixón e solidariedade que o medo ao castigo por non axudar seguro que evitaría moitas mortes.