¿Epílogo ou prólogo do CDG?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

26 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

N un país no que a xestión dalgúns teatros se concede a empresas de residuos ou a marcas de xelados, semella noticia que os teatros públicos sexan dirixidos polas xentes do teatro, as que de verdade viven nel. Por iso sentín alivio cando a Consellería de Cultura encargou a Manuel Guede a dirección do Centro Dramático Galego. Efectivamente, Guede xa dirixiu ese teatro, coas luces, as sombras e as polémicas naturais en todos os períodos longos: 13 anos nos que, sendo xustos, debemos recoñecerlle a vocación de levar adiante un verdadeiro proxecto de teatro nacional que converteu a compañía pública nun referente.

É certo que os tempos mudan e probabelmente hoxe non proceda recuperar o vello proxecto que respondía a un teatro galego doutrora. Pero tamén o é que os retos que a día de hoxe ten o CDG non son nin artísticos nin identitarios. O Centro precisa alguén habelencioso, bregado nos tratos coa Administración, imaxinativo no investimento dos recursos e, sobre todo, capaz de volverlle ao CDG o carácter institucional que nunca debera ter perdido. Quizais o urxente sexa lograr un CDG capaz de autoxestionarse tanto no administrativo coma no económico e, sobre todo, que volva ser un espazo de expansión teatral. No epicentro desta maldita crise, Guede, que gusta dos retos, ten por diante o de abrir o prólogo dun CDG mellor e máis forte.