H ai pouco que caeu nas miñas mans un conxunto de ensaios de Umberto Eco, Furio Colombo, Francesco Alberoni e Giusseppe Sacco sobre o que os catro denominan «a nova Idade Media», publicado en 1973, e o diagnóstico vén mallado, como dicimos nas rías. Mallado e estremecedor. O mundo avanza nunha dirección inquietante. Malia estaren escritos os textos hai case corenta anos, ¡unha eternidade, dada a velocidade con que corren os acontecementos!, son para pararse a pensar: a debilidade das formas clásicas do Estado moderno, a forza (e a impunidade) das novas corporacións (tecnolóxicas, financeiras, militares) que actúan á marxe dos poderes políticos, o esfarelamento dos foros internacionais como espazos de conciliación, a crecente inseguridade, o medo social, a crise das clases medias, o empuxe dos «bárbaros» nas fronteiras da opulencia, as novas formas de protección, coas súas derivadas autoritarias...
Furio Colombo, que anda xa por riba dos noventa anos, fala da impunidade con que, dun tempo para acó, actúan as novas corporacións, amparadas no segredo e na nova tecnoloxía, con fortes intereses de carácter económico e militar. ¡As novas cruzadas!, mesmo antes de que sucedese a primeira guerra do Golfo, o atentado das Torres Xemelgas, a invasión de Afganistán... A tese é demoledora: a incapacidade do poder político, representativo da soberanía popular nas democracias, para suxeitar eses outros poderes (transnacionais) que actúan por riba dos Estados, un novo universo (distinto) que controla e condiciona o primeiro universo, a sociedade que arestora habitamos.
As novas corporacións non teñen propiedade persoal. Veñen administradas por altos executivos, moi ben pagados. Non teñen sede física concreta, aboian aquí e acolá, ás veces protexidas en paraísos fiscais, e ditan xa que logo as súas propias leis, que son para eles, non para o conxunto dos mortais, ao servizo dos seus propios intereses: o capitalismo dominante, radicalizado nas últimas décadas despois da caída do Muro de Berlín e o bloque soviético. ¿U-lo Estado do benestar? ¿E a democracia, entendida como o exercicio da vontade dos gobernados para orientar a actuación dos gobernantes? ¿Quen son realmente os nosos gobernantes? ¿Onde están?
Umberto Eco advirte que a Idade Media histórica, resultado da desfeita do Imperio romano, non foi un tempo de devalo, senón de crise, que quere dicir transformación, novos ensaios, novas ideas, dende o feudalismo proteccionista, acollido aos espazos locais de supervivencia, ás novas formas emerxentes que anunciarían, séculos despois, o humanismo. ¿Que sucedería se de súpeto se apagase Google, a Wikipedia, Internet..? As novas xeracións case que non saben moverse nos libros. ¿Volveremos aos vellos mosteiros, custodios da antiga sabedoría? Estamos no medio da tormenta. Non sabemos canto vai durar. No medio da tormenta só se senten os tronos, a furia do mar, a area que cega os ollos. Haberá que deixar pasar a trebón, para saber que paisaxe realmente nos queda.