Falan do meu país estes días en todos os noticiarios. O meu país sumido nos corredores dun xulgado. Cidade de Lugo, territorio Galicia. Falan do meu país entre subornos acusacións misterios indefinidos, aínda. Pero non falan que agroma verde en medio desta primavera, seca, pero tamén vizosa e fértil. Non falan do talento galego que queda agachado entre titulares de prensa. Hai tempo que temos cota no exterior: non escribir demasiadas veces, con brillo, a palabra Galicia. Son dous millóns oitocentos mil habitantes, votos escasos, mínima prioridade. Pero Galicia é o país da luz. O lugar que escolle o sol para pórse na Fisterra. Lugar onde quixo enterrarse Santiago, aínda que lle tocase morrer en Palestina Xudea Belén. Galicia esperta cada día traballando, honesta, máis honesta que ningunha outra. Máis honesta, quero repetir en contra das planeadoras que tamén coseron a nosa fama con navallas. Máis honesta que ningunha outra, insisto. Señora entre todas as señoras. Plena de poesía e candor. Galicia non perdeu nunca a esperanza, incluso nos tempos máis duros. Habitamos a esperanza como unha bolboreta habita a noite, invisible. Por iso que conto, e por Fole Pimentel a muralla Pascual Veiga (que inventou as músicas do Himno) Paco Martín Darío Xohán Cabana Cunqueiro (que tiña raíz cadrada de Lugo) e mil nomes máis que puidera anotar sen comas, defendo o Lugo que rima con luz, ou sexa, con Galicia. Ela, que non pode ser golpeada e rota e impugnada pola miseria moral que debuxan as crónicas. Non somos así. Somos talento. Somos a non resignación. O meu país non está «cerrado por Dorribo». Galicia luz.