Unha de dualidades

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

D ende cativos vivimos nunha eterna loita dual.

Horrorizábame cando alguén me preguntaba: a quen queres máis, a papá ou a mamá? Con poucos anos de vida, xa cría que aquel tipo de preguntas eran unha parvada. Pero o certo é que se repetía de maneira asidua. E así con todo.

Non deixamos de enfrontarnos a eleccións continuamente, coma se o mundo estivese feito de extremos. Na política: dereitas ou esquerdas. No coche: diésel ou gasolina. Na conciencia: ben ou mal. Na vivenda: piso ou casa. No ascensor: ¿sobes ou baixas? Na porta: ¿vés ou quedas? No entorno: monte ou praia. Nos vasos, e na vida: medio cheo, ou medio baleiro.

No fútbol, peor aínda: Madrid ou Barça, ou Dépor ou Celta.

E é que os galegos, ante estas discusións pasámolo moito peor aínda. Galicia é verde, non sabemos elixir entre o branco e o negro. Ademais, nós, que tan afeitos estamos ao, «daquela», «ao mellor», «depende», «e bueno», «quen sabe»? non podemos andar nas estremas. Nós, que pelexamos polos lindes das leiras, normalmente tiramos polo camiño do medio.

Se o mundo ten que andar saltando dun polo ao outro, custaríanos avanzar. Quizais sexa máis cómodo tomar un sentido e esquecer o contrario, pero? e a maxia de facer equilibrio, de moverse no gume do coitelo sen mancarnos? O reto é grande, e o sorriso ao conseguilo, pleno.

Por iso desexo que Dépor e Celta suban a Primeira División. Porque de ilusións tamén se vive. Se non, que llo digan a Alonso, que este domingo chegou primeiro cando ninguén contaba velo no podio.