Traballar máis e gañar menos

OPINIÓN

26 mar 2012 . Actualizado a las 08:00 h.

E sa é a fórmula máxica proposta polo que foi presidente da patronal española, Sr. Díaz Ferrán, para poñer en orde a economía do país. É importante copiala á letra: «Os asalariados deben traballar máis e desgraciadamente gañar menos», tal e como as difundiu Europa Press o 26 de xuño do 2010. Porque do que ao cabo se trata é de que os asalariados gañen menos para que os beneficios que produza o capital sexan maiores e o Sr. Díaz Ferrán e os seus compañeiros poidan gozar deles. Os traballadores son un medio para conseguilo, sempre que haxa «moderación salarial», despido libre, mingua da forza sindical e demais galanos xa conseguidos dos gobernantes.

Semellante proposta, nun país con cinco millóns de parados -e os que virán como lóxica consecuencia da política económica que se vén desenvolvendo- é, sen máis, unha proposta indecente. Sobre todo cando se sabe que o Goberno non vai tocar os privilexios das rendas do capital, o fraude fiscal (paraísos fiscais, economía sumerxida...).

A fórmula máxica de Díaz Ferrán ten todo o apoio da UE, do FMI, da banca e do empresariado europeo. E tamén dos gobernantes que se deixaron someter ao poder daqueles ata conseguiren o que querían: precariedade, pobreza, debilidade sindical, escuridade da vida cotiá para millóns de persoas. ¿Para quen gobernan os nosos gobernantes?

Xa hai que ter valor para soster que é política a folga prevista para o día 29 e que encerra risco de violencia. Outra indecencia máis. A xente está cansándose, paréceme, de verse privada de autonomía, de liberdades esenciais e vixentes, vivindo nunha crecente insolidariedade e nunha inestabilidade social que vai a máis, todo o que crea cada día máis inhumanidade.

¿Canto máis se pode seguir resistindo así?