Unha de esperanza

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

M iña nai, que cada noite le con calma e rigor o xornal, moitas das veces de atrás cara adiante, costume que recoñezo seguir algún que outro día, pon cara de sorpresa ante unha das páxinas.

Míraa con calma e remata por desprendela do grupo de follas. «¿Que pasou?», pregúntolle. «Que volveron os anuncios», di cun sorriso. «¡Pero se eses están sempre!», replico. E é cando ela especifica: «Os de ofrecementos de traballo, ocupando neste xornal unha páxina completa, non».

Di que hai máis dun ano que as ofertas de emprego non son quen de ocupar unha páxina de arriba abaixo.

Sorpréndeme que leve un rexistro na súa memoria tan específico. Ela, que xa está xubilada e que non debera inquietarse por buscar unha ocupación laboral. Di que simplemente lle dá na vista. Pero o que realmente ocorre é que está preocupada, coma todos, pola situación do país.

Ademais, despois de corenta anos de realizarse profesionalmente como docente, resúltalle imposible desvincularse dos seus alumnos. A educación que recibiron tenlles que servir para algo.

Sabe que eses anuncios non son solución ningunha. Pero é certo que animan, polo menos, un pouco, coma unha físgoa de esperanza.