Síntomas do infantilismo de hoxe

OPINIÓN

O s pequenos trebellos, en xeral, engaiolan aos nenos. Porque son xoguetes, os seus xoguetes, boa parte, senón a mellor, dos seus días de infancia. Isto, que é o máis común e natural, pode agochar un mal síntoma se os xoguetes son vistos como tales, non xa polos nenos, senón polos maiores.

Seguro que un neno se enche de ledicia se lle poñen nas mans un teléfono móbil, cousa ben natural e lóxica. O que xa non semella nin natural nin lóxico é que o seu pai ou o seu avó xoguen cun móbil como se dun xoguete se tratase e se convertan en nenos fedellando horas e horas no pequeno trebello en procura non se sabe de que minas de diamantes.

Ninguén nega a utilidade de semellantes trebellos; pero, da mesma maneira, ninguén debera expoñerse a que un útil que a técnica puxo ao noso dispor, para a nosa comodidade, se converta, por un uso ridículo ou por un abuso ás veces moi caro, nun síntoma do evidente infantilismo da nosa civilización, moitas veces baleira de todo contido que teña que ver co espírito ou coa nosa condición de humanos.

Aínda moito peor: o exhibicionismo a que eses e outros trebellos levan a algúns, expresa moi ben, paréceme, a pequenez espiritual e humana da nosa sociedade, unha sociedade de zombis, para min adrede procurada polo sistema. Dominar zombis é moito máis doado do que dirixir a seres intelixentes. Isto interesa ben pouco.

Xa a ninguén estraña, por exemplo, a aceptación polas xentes das máis esperpénticas situacións, dende a corrupción -sempre que sexa de grande magnitude- ata a asunción acrítica das mentiras máis aldraxantes para a nosa conciencia moral. Como faría o gran poeta dicir a Deus vendo este o inxusto que era o mundo que fixera, «se este é o mundo que eu fixen, que veña o demo e me leve».