Unha de consentimentos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Non nos imos quitar a crise de enriba. Non a podemos esquecer. ¿Ou si?

Temos memoria de peixe para demasiadas cousas. ¿Xa esquecemos cal é a orixe desta situación? Todo apunta aos bancos, á xestión política a niveis xerais, e aos especuladores bursátiles.

Logo... non haberá solución mentres as únicas medidas a tomar sexan as de baixar o soldo aos funcionarios, suprimir ou reducir as axudas, conxelar as pensións, desfavorecer aos traballadores coas reformas laborais.

Estamos consentindo a crise, mentres alimentemos as mentiras co noso silencio ante elas, a corrupción política como hábito consentido, os soldos desorbitados dos dirixentes do país, a especulación cos nosos aforros.

Somos cómplices mentres aceptemos que sexan precisos corenta anos de cotización para facernos cunha mínima pensión, fronte aos sete anos que lle serven a un deputado para acadar a pensión máxima.

Contribuímos á crise cando non protestamos porque se lle cederan millóns dos nosos euros aos bancos, que só serviron para incrementar os beneficios dos directivos. E tamén cando permanecemos inmunes a todos os políticos corruptos que saen indemnes dos procesos xudiciais.

Mentres un profesor, un mestre, un médico, un cirurxián, un traballador da sanidade pública sexa moito menos valorado que calquera político, pouca esperanza queda.

Deberiamos espulgarnos, con enerxía, e así poder zafarnos de todos estes andazos. Se nos mantemos quedos, inmóbiles e xélidos, os males acabarán con nós. ¡Resulta preciso reaccionar!