Os cínicos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Lembro unha carta de Luis Vives a Erasmo. Dicía: «Vivimos tempos moi difíciles, nos que un non pode calar ou falar sen perigo». Tempo cínico. Dominan os cínicos, especialmente no mundo da Internet. Converteron a burla e o sarcasmo en fusil contra todo e contra todos. As redes sociais multiplican o cinismo a alturas insólitas. Un cínico pode escribir exactamente o contrario do que practica, e non pasa nada. Vivimos estes días un debate interesante sobre o estado da autonomía. Pensaba, mentres seguía os comentarios, que de nada vale o que proclamen os diferentes oradores que pasen pola tribuna. As réplicas xa están escritas nas paredes da Internet e nas paredes, tamén, da política. Somos seres previsibles. Algún non sabe se resulta mellor calar ou falar: porque en realidade sempre podes ser acusado dunha cousa ou doutra. Repúgname a corrección política instalada nas arterias deste país: os cínicos. Son unha especie en vías de expansión ou progreso. E acoden a ese sintagma, progreso, con frecuencia. Van de progresistas e fan do reaccionario o seu axioma. Van de progresistas e tolerantes e son conservadores (nadan pero gardan a roupa propia: sucia) e intolerantes extremadamente. Van de progresistas e defensores da liberdade, pero o que realmente defenden é a «súa» liberdade, non outra. Os cínicos «progresan» adecuadamente intramuros de Galicia. Pero ignoran que os silencios, as maiorías silenciosas, son tamén revolucionarios: néganse a someterse ás consignas e votan. Hai moitos que optaron por calar diante do abuso dos cínicos. Eu optei hai tempo -non sei calar- por plantarlles cara. Repúgnanme.