Gústame a palabra. Pronuncio cada un dos seus sonidos. Primeiro vibra o erre, despois esvara a vocal e asubíame o ese, golpéame o te, o, sssss. Restos. Amo a palabra como unha noite destas de agora, non as de antes, cando o mencer pousaba melancolía entre os meus pasos, os gatos que se cruzaban e miraban, o sol arriba, o inferno aquí, tan cerca do ron, ou güisqui, gin-tonic sen pepino nin café, tanto neopijismo, tanta ordinaria cosmética. Recordo aqueles días como o que eran: un tránsito para chegar a ningunha parte. Pensaba vaso con vaso e escribía versos que lían os máis fieis, ou sexa, catro cómplices. Nos bares observaba as mulleres que bailaban, pantalón vaqueiro, paquete de tabaco no peto de atrás, verticais, desafiando o ruido dunha canción con melocotón nos labios. Boto de menos algunha vez aquelas noites. E procuro motivos que repudien as cicatrices do presente, ásperas. Quero dicir que falta melocotón na vida, nos labios, que en ocasións nada importa: perdemos o encanto (¿cómo vivir sen el?). Sen consolo golpéame a nostalxia e observo cómo era. Sei que algunha vez aparecerán as musas que bailaban nos bares: cando fumar non era pecado. Sen musas, sen inspiración, é inútil escribir. Un queda tatexando entre as teclas do ordenador desculpando o sentido das palabras, enredándome. Daquela, cando sinto que os abismos apretan, pecho os ollos e con vehemencia pido algún imposible desexo. Congréganse as musas e regálanme palabras que anoto nesta columna: vida, alegría, abrazos. Pido que regresen á túa noite, á miña, as musas: poesía. Non quero quedarme así: calado, mudo, absorto... entre restos.