Despois da resaca

Ceferino Díaz TRIBUNA

OPINIÓN

D eixando a un lado o éxito de transparencia democrática e promoción positiva da marca PSOE, o 38.º congreso cumpriu a misión fundamental para a que foi convocado: elixir un novo secretario xeral e en consecuencia unha nova dirección. Para o primeiro caso, a votación foi apertada (fallaron os recontos previos de ambas candidaturas que se daban gañadoras), a maioría dos delegados e delegadas preferiron xogar a seguro e apostar pola experiencia para a travesía do deserto antes que por un cambio que, cando menos no debate final, se demostrou carente de contido e inmaduro nas formas. Simplificando: o vello-novo aparato deseñado por Blanco en Ferraz gañou axustadamente ao de Zapatero, quedou máis claro na composición da nova executiva.

Carme perdeu -non como alternativa de futuro-, pero demostrou, con votos de todas as autonomías, que unha catalá pode presidir o Goberno de España. A cidadanía fai gala de maior madurez que algúns políticos con curtas miras.

Pero non nos enganemos. Non creamos en líderes providenciais e milagreiros. O cónclave de Sevilla pode servir para pechar internamente o debate encol dos últimos resultados electorais, mais non para recuperar a confianza de catro millóns de cidadáns decepcionados. Quedou pendente algo importante: analizar de forma aberta e franca as causas da derrota. Só unha boa diagnose axudará a atinar co tratamento, que debera comezar recoñecendo erros e pedindo desculpas por accións non entendibles ou deficientemente explicadas.

A bo seguro da análise entenderase tamén a necesidade de cambios nas formas de facer política, eliminando distancias artificiosas dos actores políticos e favorecendo a participación e o diálogo. A cidadanía quere opinar no que lle afecta e hai que abrirlle as canles oportunas.

E todo isto hai que facelo con moito tino nun tempo político no que as circunstancias e a responsabilidade limitan o campo da oposición, especialmente nas políticas económicas condicionadas pola UE. Os socialistas estamos obrigados a non caer en erros pasados, marcar liñas roxas e explicar en todo momento o que se fai e por que.