D espois da 13.ª asemblea do BNG en Amio, o resultado non parece solucionar ningún dos problemas que a fronte política tiña plantexados antes de chegar a Amio. Como dicíamos de nenos: o 13 é mal número se non crece e a sensación máis estendida é que saíu a rolla da botella. Non soluciona nada para a UPG nin tampouco para os que propugnaron un Novo Proxecto Común que porén demostraron unha capacidade de resistencia que os de enfronte non lles atribuían. EI, +Galiza e os independentes e grupos que os apoian lograron coser un polo alternativo que plantou cara ao aparato que domina internamente o BNG, pero queda aínda por saber se aguantarán os pespuntes. A UPG, con todo o seu poder interno, máis unha parte da CIG, a Mesa e telderetes asociados só puido gañar pola mínima ao resto do BNG, sen ampliar as distancias de 2009. Sobre 4.474 votantes, Guillerme Vázquez só superou a Beiras por 138 votos na primeira votación. Aymerich, que aínda logrou dúas decenas máis de votos, quedou a 295 de Jorquera. A diferenza está no grupo de Rafa Villar, que con razón é considerado o vencedor e sen quen a UPG non pode dar ningún paso. Este resultado dase ademais despois dunha demostración de distancia ideolóxica, argumentada repetida e nomeadamente por F. Rodríguez, que implica diferenzas radicais de diagnóstico e de estratexia que negan de facto a posibilidade de que o BNG reúna a todo o nacionalismo, pois desmenten a declaración e a evidencia de que a fronte daba cabida a todos os nacionalistas, independentemente das súas diferenzas ideolóxicas, o que explica, por exemplo, a presenza do PNG dende hai vinte anos.
Por unha banda están todos os aparatos que venceron por menos de 300 votos, pola outra, o resto do BNG, suma máis alcaldías, máis votos, máis pluralidade, presenza e influencia social, idéntico activismo e máis mocidade. As capacidades para o BNG establecer un diálogo social e electoral complexo e chegar onde chegou ficaron no lado dos derrotados na asemblea. Esa pluralidade usouna a UPG en favor do BNG, pero dende agora non vai telo tan doado. Sen esa diversidade o BNG é un grupo cheo de experimentados políticos e de magníficos cadros, pero plano, idéntico, homoxéneo. Os derrotados fórono por uns poucos votos e os que gañaron gañaron todo. Nunca antes no BNG se xogara de forma tan explícita a esta democracia do voto, nin se empregaran todos os medios na disputa. Non era unha dialéctica descoñecida localmente, como ocorre noutras organizacións ?véxase o PSOE vigués?, pero nunca se aplicara a todo o BNG. Os gañadores forzaron a vitoria e partiron pola metade. Non lle queda pouco traballo ao meu prezado Jorquera, que no seu abrazo con Aymerich deixaron unha das mellores imaxes da asemblea. No ronsel de Amio queda tamén a dignidade de Beiras no seu declarado epílogo, homenaxeado pola mocidade estudantil e o discurso de Aymerich explicando porque e para que o nacionalismo quere dirixirse á sociedade e gobernar.