Tempo de penuria (e as súas leccións)

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

29 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

N ovacaixagalicia vén de cerrar o centro social que solemnemente inaugurara hai un ano na praza de Cervantes, en Santiago de Compostela. Unha instalación de 5.000 metros cadrados, no corazón da cidade vella, que en realidade nunca chegou a entrar en actividade. Parece previsible que un destino semellante agarde ao auditorio-teatro reconstruído nos antigos almacéns El Pilar, na mesma cidade, outros 3.000 metros cadrados, con capacidade para setecentas prazas, inaugurado en setembro do 2011 con toda a pompa e aparato. O mantemento das instalacións do Gaiás, coas obras paralizadas, custa arredor de 1,6 millóns de euros ao ano. Son exemplos do que se anuncia. ¿Que pode pasar co teatro Fraga, igualmente reconstruído en Vigo? Seguramente outro tanto. Por non falar da duplicidade de centros de características parecidas noutras cidades galegas, que de seguro están na mente dos lectores.

Na Coruña veñen de inaugurar o edificio Ágora, outro contedor cultural: 4.040 metros cadrados de edificación sobre unha parcela de 10.250, cun custo final de 12 millóns de euros. O Concello coruñés fala dunha nova «bandeira da cultura», que haberá que encher de contidos, programación, recursos, para os que seica non hai orzamentos. En Vigo están co auditorio da antiga Casa Mar que non saben qué facer con el, obra tamén do Concello, coma no seu día o foi a Casa das Palabras, na praia de Samil, que nunca atopou sentido, por máis discursos que se fixeron, ou o Museo do Mar...

Podemos seguir. Cada vila, cada concello, competindo entre si para ver quen máis lucía, dedicouse nos últimos anos a gastar o que non tiña (en moitos casos con fondos europeos) e acabamos levantando a máis espectacular rede de cascaróns de luxo sen saber moi ben que imos meter dentro. Efectos especiais, política de aparencia que nunca quixo entender que a cultura é outra cousa. A cultura fundaméntase no capital humano, na formación dos individuos que a demandan e a valoran, creadores, educación, apostas de renovación, cidadanía.

Hai máis de dous anos que a Fundación Caixa Galicia non dota bolsas de formación para postgraos, unha das máis valiosas achegas para construír futuro. Poño este exemplo, dende a iniciativa privada, e podería poñer outros (incluído o silencio de grandes fortunas que temos aquí e miran para outro lado). Mentres tanto, a universidade segue sen recursos para estabilizar os seus novos investigadores. A Consellería de Educación non renova profesores, nin convoca oposicións. As infraestruturas de normalización lingüística na Administración local e os recursos para iniciativas culturais de todo tipo, tamén no asociacionismo civil, están a ser radicalmente chapodadas, cando non suprimidas. Os investimentos da Xunta en Cultura diminuíron un 42,5 % nos últimos tres anos. Non é cousa de facer demagoxia, pero co que vai custar o concerto de Björk na Cidade da Cultura o próximo 22 de xuño se cadra solucionabamos a dotación de libros para as bibliotecas públicas, outro dos capítulos gravemente castigados.