Esta semana o BNG afronta o seu futuro nunha situación inédita, con dúas candidaturas para a Asemblea que presentan diagnósticos e liñas de acción contrastadas sobre qué propor dende o nacionalismo á sociedade galega do 2012. Beiras e Aymerich agrupan as diferentes correntes políticas que foron configurando o BNG. Vázquez e Jorquera a UPG, a corrente central do galeguismo actual, a única que logrou ter continuidade organizativa dende os anos sesenta. Unha terceira opción, o MAS, configurouse como escisión e tamén aliada desta última. O inédito é a milimétrica segregación interna do Bloque, dun lado a opción orgánica da UPG e do outro todas as demais correntes e sensibilidades que despois das peripecias propias da negociación entre diferentes tradicións e persoas acordaron unhas bases comúns.
A novidade deriva da emenda que a UPG formula contra si mesma e a súa traxectoria dende que con Beiras e grupos independentes fundaron o BNG hai trinta anos. Despois das últimas eleccións autonómicas, o comité central da UPG optou por dirixir a organización en solitario e nestes dous anos emendou tres décadas. Agora, no texto da ponencia oficial que presentan á Asemblea pretenden sancionalo. No diagnóstico, na proposta e na acción liquidan o proxecto común que logrou reunir a todo o nacionalismo nos anos noventa: rectifican as clarificadoras conclusións da Asemblea de Ourense de 1998 en que se asentou o grande salto adiante nos gobernos municipais e o éxito nas europeas de 1999, o das xerais do 2000 ou o programa de goberno no 2005, ignoran mesmo o paso pola Xunta agás para lamentalo, repudian os sucesivos programas electorais concebidos para gobernar o país, os recentes manifestos dos alcaldes ou mesmo o discurso do candidato Jorquera na pasada campaña electoral.
Na súa corrección de erros, a UPG propón para o Bloque un nacionalismo antiautonomista, antieuropeísta, contrario a alianzas co PSOE -aínda que a práctica o desminta- e deseña convertelo nunha forza de resistencia que refusa ser alternativa de goberno. Deslinda para si uns «mínimos» do nacionalismo galego, considera na práctica que Galicia só existe nela e desconfía dunha sociedade que se abandona ao PP. É a proposta de quen quere conformarse con ser conciencia crítica ou simple apoio ao sindicalismo, ao xeito de IU. Neste rol non pode sentirse representado o nacionalismo, porque aspira a construír o país e sabe como facelo. Esta deriva é a que explica que se debuxe por unha banda a UPG e os seus aliados -que creron atopar así a mínima cohesión para manter o poder interno- e, por outro, o resto do BNG. Tamén explica a sorpresiva aparición de Beiras en primeira liña, de Nogueira e outros, a toque de arrebato, para ser o pau do palleiro do nacionalismo que quere futuro.